martes, 16 de maio de 2023
Sardegna, os cadernos de viaxe
domingo, 12 de marzo de 2023
Acabadora, as recensións
Aínda que xa vai alá media lectura da obra nova, os Tarabelos quérennos deixar agora as recensións de Acabadora, da autora sarda Michela Murgia. En mes e medio, cando estean de volta da súa viaxe á illa italiana, contarannos se se cruzaron con algúns destes personaxes polas rúas.
"A novela ten unha trama moi interesante. pareceume moi intrigante o feito de non desvelar moi pronto o labor da acabadora. Non obstante, o final non me gustou demasiado, botei en falta algo que concluíse ben a historia".
Marta Rodríguez Villanueva
"Ao principio o libro non engancha demasiado, pero cando se descobre o traballo da tía, e deste modo se entende o título da obra, entón comeza a atraer. Así é todo, o final é un pouco incompleto, xa que me gustaría que despois da morte da acabadora se desen máis detalles da vida de María.”
Begoña Vázquez Manteiga
“Acabadora é un libro interesante, entretido e fácil de ler. Non é moi longo, polo que non é canso e a lectura faise bastante amena. Tocante ao contido, a historia deixa un baleiro que non se completa; gustaríame que houbese unha segunda parte que aclarase algunhas cousas. Recomendaría a lectura aos meus compañeiros, xa que me gustou bastante".
Andrea Vilela Vicente
“Este libro non me agradou ao principio, pero a medida que pasaban os capítulos ía enganchándome máis, sobre todo desde o capítulo no que se rebela o oficio da protagonista; e despois diso a obra xa colleu máis interese para min. Por outro lado, pareceume unha historia atractiva, e desfrutei léndoa.”
Yago Castro Carballal
Miguelángel Rivero Castillo
“Ler esta obra de Michela Murgia foi unha experiencia un tanto diferente: nun primeiro momento non lle puiden atopar o gusto ao libro, non me chegou a enganchar; mais isto cambiou co descubrimento da relación entre o título e a verdade sobre a tía Bonaria, xa que, ademais de coser vestidos, esta personaxe encárgase de acabar coa vida da xente que está chegando ao seu final”.
Juan Ramón Villar Fernández
Noela Mato López
Fabiana Núñez Moreira
Lucía Maceira Lázara
martes, 7 de marzo de 2023
O intercambio visto desde a distancia
Queredes saber que pensa o alumnado sardo da súa experiencia en Lalín? Premede na ligazón e descubrídeo.
venres, 24 de febreiro de 2023
Fina Casalderrey candidata ao Hans Christian Andersen
FINA CASALDERREY, unha das escritoras máis lidas nos clubs de lectura de Educación Primaria e Secundaria, acaba de ser proposta, pola OEPLI (Organización española para o libro infantil e xuvenil) como candidata ao Premio Hans Christian Andersen 2023, galardon que, cada ano, concede a Organización internacional para o libro xuvenil, e que é considerado como o Nóbel da literatura infantil.
Desde a Biblioteca Mario Pereira e a Trama Irmau dos nosos clubs de lectura non podemos máis que felicitar á escritora pontevedresa e desexarlle toda a sorte do mundo.
martes, 7 de febreiro de 2023
Intercambio Sardeña-Lalín
E por fin chegou o día... Os mozos da sección española do Liceo Scientifico Pitagora (Cagliari) xa están coas súas familias de acollida. Serán sete días de non parar, nos que desde onte mesmo están a coñecer diferentes localidades galegas, máis alá das rúas e parroquias de Lalín e Vila de Cruces onde se hospedan.
E que mellor que empezar por Pedrafita do Cebreiro? Alí agardábanos o Santo Graal e a neve, moitos deles leron por vez primeira a Cabanillas e fotografáronse co cáliz que se custodia no santuario, pero o mellor estaba por chegar. Dos vinte e un mozos sardos moi pouquiños tocaran a neve algunha vez, así que os 4.5 Km que fixeron polo tramo O Cebreiro-Liñares, totalmente nevado, e cun espesor considerable, provocaron algúns dos momentos máis ilusionantes do día.
O Mosteiro de Samos e Portomarín foron outras das paradas obrigatorias desta primeira xornada cultural, na que xa se empezaba a ver interacción entre dúas culturas, no fondo, non tan diferentes: a sarda e a galega.

martes, 31 de xaneiro de 2023
A familia medra
Na última xuntanza do club LeA Casa, xa eramos unha máis. E non todas as que leron puideron estar presentes.
Esta vez tocaba debater sobre Golpes de Luz, e o comentario foi unánime: a obra gustou ata o punto de enfrascarse todas na lectura ata a fin da mesma. Xaora que deu moito de seu para o debate, por desenvolver unha pluralidade temática chea de matices que preocupan ás familias como o narcotráfico e as terríbeis consecuencias que del se derivan, ou a vellez, tema que nos afecta a todas e todos (pero parece que especialmente a todas), por caso o coidado dos nosos maiores, cada vez mellor fisicamente, mais peor no tocante á saúde mental; ou temas tan difíciles de asimilar como os abusos sexuais dentro da propia familia, ou aqueloutros que inciden na educación de fillas e fillos, tanto do punto de vista da aprendizaxe como das relacións entre compañeiros, algo que por desgraza pode derivar en acoso; ou nos afectos ou desafectos que poden provocar as relacións de amizade...
Por parte, a novela gustou tanto que decidiron que a próxima lectura fose tamén de Ledicia Costas, escollendo Infamia, novela a debater na seguinte reunión.
E en vista de que os fillos e as fillas dalgunhas destas lectoras adultas "devoraron" as "Esmeraldinas" e "Escarlatinas" pedirémoslle a Ledicia Costas que se achegue, unha vez máis, ata o noso centro e poida solucionarlles a nais, fillos e fillas as dúbidas que lles quedaron.
![]() |
| Ana Paula, Belén, Silvia, María e Susana tras o debate |
luns, 30 de xaneiro de 2023
ABCD en acción
Esta semana os nosos lectores e lectoras máis pequenos convertéronse en críticos literarios. Aínda non sabemos que sairá deses debates e mesas redondas, pero a lectura de O misterio de Portomarín deuse por finalizada e algúns dos membros do noso club quixeron deixarvos as súas reseñas. Mentres esperamos por elas amosámosvos algunhas imaxes do momento.
Fotografías de Sylvia Cea, coordinadora do Club.




















.jpg)



























