venres, 24 de febreiro de 2023

Fina Casalderrey candidata ao Hans Christian Andersen

 FINA CASALDERREY, unha das escritoras máis lidas nos clubs de lectura de Educación Primaria e Secundaria, acaba de ser proposta, pola OEPLI (Organización española para o libro infantil e xuvenil) como candidata ao Premio Hans Christian Andersen 2023, galardon que, cada ano, concede a Organización internacional para o libro xuvenil, e que é considerado como o Nóbel da literatura infantil.

Desde a Biblioteca Mario Pereira e a Trama Irmau dos nosos clubs de lectura non podemos máis que felicitar á escritora pontevedresa e desexarlle toda a sorte do mundo.


martes, 7 de febreiro de 2023

Intercambio Sardeña-Lalín

E por fin chegou o día... Os mozos da sección española do Liceo Scientifico Pitagora (Cagliari) xa están coas súas familias de acollida. Serán sete días de non parar, nos que desde onte mesmo están a coñecer diferentes localidades galegas, máis alá das rúas e parroquias de Lalín e Vila de Cruces onde se hospedan.

E que mellor que empezar por Pedrafita do Cebreiro? Alí agardábanos o Santo Graal e a neve,  moitos deles leron por vez primeira a Cabanillas e fotografáronse co cáliz que se custodia no santuario, pero o mellor estaba por chegar. Dos vinte e un mozos sardos moi pouquiños tocaran a neve algunha vez, así que os 4.5 Km que fixeron polo tramo O Cebreiro-Liñares, totalmente nevado, e cun espesor considerable, provocaron algúns dos momentos máis ilusionantes do día.

O Mosteiro de Samos e Portomarín foron outras das paradas obrigatorias desta primeira xornada cultural, na que xa se empezaba a ver interacción entre dúas culturas, no fondo, non tan diferentes: a sarda e a galega.