mércores, 22 de xuño de 2022

Ao fío de... Excursión á Coruña

O alumnado que participou na viaxe lúdico-didáctica á Coruña, como premio para os clubs de lectura e os campións e as campioas da nosa Olimpíada do Saber, achegounos as súas reflexións. Aquí volas deixamos, con fotografías de Pablo Pérez, Carlota Gutiérrez e Sara Presas.


    Cabaliños de  mar e tiburón en fotografías de Pablo Pérez

A min esta excursión pareceume moi divertida. Puiden coñecer mellor a outros compañeiros e pasalo ben con eles. Non só iso, tamén aprendín algo do pasado de A Coruña. Tiven a sorte de escoller eu un libro para poder levalo para a biblioteca, e non todos poden facer iso. En xeral, encantoume a excursión e gustaríame facer outra.


Recensión e imaxes de Carlota Gutiérrez

Despois da excursión o único que podo dicir é que foi unha experiencia inesquecible. Despois de moito tempo sen realizar excursión ningunha cos amigos polo tema do virus, xa tiñamos ganas.
Visitamos moitos lugares moi interesantes polo que non é fácil quedar con un en particular, porén a visita ao acuario gustoume moito xa que a experiencia de ver a Gastón e ao resto de pequenos, ademais de bonitos, peixes foi moi interesante e entretida.
Tamén fomos ao museo do home, que eu xa visitara, polo que esperaba que fose bastante aburrido pero estaba equivocado xa que cambiaron algunhas cousas e xa non me acordaba ben, algo similar me pasou coa visita á libraría, pensaba que ía ser moi pesada, pero outra vez estaba equivocado e volvino pasar moi ben lendo o resumo dos libros e colléndoos coma tolos.
O que máis me gustou da torre de Hércules foron as vistas, ademais aquí aprendemos bastante da historia da cidade.
En definitiva, non esperaba pasalo tan ben , ademais iso de estar desfrutando mentres os teus compañeiros están na clase facendo exercicios, e pensando no ben que o estamos pasando, senta moi ben.
Iván Vázquez Pérez

Esta excursión pareceume superdivertida e interesante, polo menos eu aprendín moitas cousas dos peixes ou da historia de A Coruña. Encantaríame volver facer outra excursión con actividades parecidas. Non me arrepinto nada do traballo que pasamos nas Olimpíadas (do Saber), creo que mereceu a pena, e o premio encantoume. As profesoras encantáronme e os compañeiros que me acompañaron tamén.

Imaxe e texto: Sara Presas 

Pero os clubs de lectura non podían despedir o curso sen diversión, así que competiron nun kahoot por ver quen aprendera máis na súa visita á Coruña. E marcharon para as súas casas coas mochilas cheas de novas aventuras en forma de libros e películas.





sábado, 11 de xuño de 2022

A Coruña, premio final pola lectura

A XIV Olimpíada do Saber incluía entre os seus premios un día de excursión, así que os equipos clasificados nos tres primeiros postos, xunto cos membros dos clubs de lectura ABCD e Rabo Rizado, puideron gozar dun día de lecer e aprendizaxe. Eles mesmos escolleron o destino e os lugares a visitar: A cidade de A Coruña e tres dos seus edificios singulares: Torre de Hércules, Aquarium Finisterrae e A Domus. Antes das visitas tiveron tempo para pasear polo Campo da Rata deixándose fotografar diante dos  "Menhires pola Paz" e achegarse ata a "Rosa dos ventos".









Para completar a xornada desprazámonos ata a librería Moito Conto, na Rúa San Andrés, para facer realidade, despois de dous anos de pandemia, o noso "Se o queres, cómprao": o noso alumnado remexe entre os libros, pregunta, déixase asesorar e acaba comprando aquelas lecturas que quere para a biblioteca do instituto. As nosas mochilas viaxeiras non podían ter mellor primeiro uso.




Agradecemos ao persoal de Moito Conto non só o trato excepcional que nos proporcionaron senón tamén as imaxes que estades a ver.

E parece que a escolla foi boa, pois algún xa non puido esperar a que o libro se rexistrase na biblioteca para empezar a lectura:





mércores, 8 de xuño de 2022

Seda, para acabar o curso

Liches este?, o club de profesorado dá por finalizadas as súas lecturas deste curso comentando Seda, a obra que publicara Alessandro Baricco no ano 1996 e que foi traducida á nosa lingua por Mª Cristina González Piñeiro no ano 2006 para Rinoceronte Editora.

Na terra do liño quixemos saber máis sobre a vida, e morte, dos vermes da seda, e adentrámonos na obra de Baricco. Se facemos caso das palabras do autor, Seda, non é unha novela, nin sequera é un conto, é unha historia. E da historia dese home que todos os anos atravesa media Europa para ir buscar os vermes da seda foi do que debatemos na reunión: por que subía tan ao Norte para facer a súa travesía? Por que o lago cambiaba de nome en cada viaxe? Quedamos coas dúbidas, pero, collendo prestadas as palabras de Vargas Llosa, recomendámosvos como lectura de verán esta "historia misteriosa, lacónica perfecta".

Como xa é unha constante neste club, sempre somos máis as lectoras que as e os participantes no debate. A proximidade das avaliacións complicoulles a axenda a algúns, pero aínda así aí está esa media ducia para opinar.

E non podemos deixar pasar a oportunidade de desexarlle toda a sorte do mundo a Adriana Iglesias, que tan ben nos coordinou este ano, e a Mar Espinosa, que achegou o punto de vista científico, na súa andaina en cursos vindeiros, neses novos centros aos que as levou o CXT. Iso si, esperamos que sigan lendo con nós e se acheguen para as reunións.

 Adriana e Mar, foi un pracer debater con vós.