domingo, 12 de marzo de 2023

Acabadora, as recensións

Aínda que xa vai alá media lectura da obra nova, os Tarabelos quérennos deixar agora as recensións de Acabadora, da autora sarda Michela Murgia. En mes e medio, cando estean de volta da súa viaxe á illa italiana, contarannos se se cruzaron con algúns destes personaxes polas rúas.


"A novela ten unha trama moi interesante. pareceume moi intrigante o feito de non desvelar moi pronto o labor da acabadora. Non obstante, o final non me gustou demasiado, botei en falta algo que concluíse ben a historia".

Marta Rodríguez Villanueva

"Ao principio o libro non engancha demasiado, pero cando se descobre o traballo da tía, e deste modo se entende o título da obra, entón comeza a atraer. Así é todo, o final é un pouco incompleto, xa que me gustaría que despois da morte da acabadora se desen máis detalles da vida de María.” 

Begoña Vázquez Manteiga

Acabadora é un libro interesante, entretido e fácil de ler. Non é moi longo, polo que non é canso e a lectura faise bastante amena. Tocante ao contido, a historia deixa un baleiro que non se completa; gustaríame que houbese unha segunda parte que aclarase algunhas cousas.  Recomendaría a lectura aos meus compañeiros, xa que me gustou bastante". 

Andrea Vilela Vicente

“Este libro non me agradou ao principio, pero a medida que pasaban os capítulos ía enganchándome máis, sobre todo desde o capítulo no que se rebela o oficio da protagonista; e despois diso a obra xa colleu máis interese para min. Por outro lado, pareceume unha historia atractiva, e desfrutei léndoa.”  

Yago Castro Carballal

 Acabadora pareceume un libro moi entretido, pero no momento en que xa pasei do capítulo catro, posto que, a verdade, ao principio custoume entender quen eran os personaxes e os seus respectivos familiares. Gustoume ese plot twist que temos de Bonaria, xa que nun principio pensabamos algo da súa profesión totalmente distinto do que realmente facía”.

Miguelángel Rivero Castillo

“Ler esta obra de Michela Murgia foi unha experiencia un tanto diferente: nun primeiro momento non lle puiden atopar o gusto ao libro, non me chegou a enganchar; mais isto cambiou co descubrimento da relación entre o título e a verdade sobre a tía Bonaria, xa que, ademais de coser vestidos, esta personaxe encárgase de acabar coa vida da xente que está chegando ao seu final”.  

Juan Ramón Villar Fernández

Acabadora pareceume un libro realmente entretido. Isto débese ao misterio que envolve toda a historia de María e Bonaria. María, unha pequena que é adoptada por Bonaria, debido á incapacidade da súa familia para asumir os gastos da crianza, comeza a sospeitar de súa tía por culpa das saídas nocturnas. O misterio fai que non queiras parar de ler ata saber que é o que acontece, para descubrir que a tía Bonaria mata persoas. Así trátase a problemática da eutanasia, un tema moi polémico, e o dereito a unha morte digna.  
Recoméndovos esta lectura encarecidamente.” 

 Noela Mato López

“Murgia conta a historia dunha muller e a súa relación cunha moza da que coida, en Soreni, unha pequena vila de Sardeña. Bonaria, unha modista do lugar, adopta a María, que é a cuarta filla dunha familia humilde, e que a descoida. A súa nova vida transfórmase por completo, pero aparece unha sensación de misterio con respecto á súa nova nai, debido ás estrañas saídas que realiza, os silencios e temor dos demais ao cruzarse con ela. Aínda que vivía feliz e moi querida por Bonaria, existía a realidade de que a adoptante, ademais de coser vestidos, acababa coa vida das persoas moribundas.
Esta trama parece moi envolvente grazas a todo o misterio que leva consigo, o que fai que sexa unha lectura amena. Penso que, en parte, busca facer unha crítica a un sistema que non permite certa prácticas que en ocasións son necesarias tanto para persoas vivas como para aquelas que non terminan de irse da vida e non teñen a posibilidade de facelo con dignidade.” 

Fabiana Núñez Moreira

“O libro pareceume moi interesante e tremendamente entretido, xa que estás todo o tempo intentando entender a historia, ata que, ao final, todo cobra sentido.
Gustoume, en especial, que traten o tema da eutanasia, facendo saber que xa existía dende hai tempo. Isto faite pensar moito, e reflexionar sobre o tema; e, independentemente da túa opinión ao respecto, empatizas.” 

 Lucía Maceira Lázara


martes, 7 de marzo de 2023