martes, 31 de maio de 2022

Agustín Fernández Paz, sempre nos clubs.

Un dos escritores máis lidos nos clubs de lectura xuvenís é AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, e este domingo 29 faría 75 anos. Desde ABCD e Rabo Rizado queremos renderlle a nosa pequena homenaxe nas reunións desta semana, sacando os seus libros dos andeis e levándoos á entrada do instituto.

O artista Mon Devane xa o fixo, como mellor sabe, cun mural sobre un edificio de Vilalba, vila natal do autor de obras como O centro do labirinto.

Imaxe : Facebook A contra vento Galiza






venres, 13 de maio de 2022

17 de maio: as nosas letras

A rapazada do club de lectura, coma sempre, apúntase a todo o que se lles propoña. Desta vez tocou pegar carteis, facer publicidade do Día das Letras Galegas e distribuír polo IES a información sobre a figura do escritor homenaxeado este 17 de maio: Florencio Delgado Gurriarán.


Podedes ver unha reportaxe máis ampla no blog A marela tarabela.

xoves, 12 de maio de 2022

"Golpes de luz" : a xuntanza

Os golpes de  Luz chegaron á súa fin, e non o dicimos só porque decidira enterrar a súa arma de guerra (ou de defensa?) senón tamén porque o club de lectura se reuniu para comentar a novela. Non era sen tempo, mais o traballo docente que se acumula neste último trimestre impedía tal xuntanza. E aínda sen estar na imaxe todos os que son, "Liches este?" segue acollendo novas e novos integrantes.

As lectoras e os lectores foron críticos e, así como loaron a habilidade de Ledicia Costas para reflectir esa desinhibición das anciás cando din e fan o que pensan, sen pudor nin andrómenas; ou os excesivos coidados dos fillos, con Xulia prohibíndolle fumar a súa nai, ou mirando a alimentación de xeito case enfermizo; tamén deixaron algunhas dúbidas no aire, aspectos da escrita que non entenderon e que esperamos lles poida explicar a escritora nalgún momento.

Aquí vos deixamos unha foto da reunión:

 Tamén podedes botarlle unha ollada á nosa guía de lectura.


martes, 3 de maio de 2022

Itinerario lector As Ramonas, con Ana Cabaleiro


Que mellor maneira que rematar a lectura dunha obra que da man da propia escritora, recorrendo con ela os espazos nos que se desenvolve a novela. Iso foi o que pensaron Adriana Iglesias e Carmen Frade para o alumnado dos Tarabelos I e II, clubs de lectura de 2º Ciclo de ESO e Bacharelato.

Ana Cabaleiro, autora de As ramonas, prestouse amablemente a achegarse ao seu Saídres natal e facernos de guía polas terras de Trasdeza atravesadas polas vellas vías do tren. 

No blog de A Marela tarabela podedes ver a crónica deste día de debate e creación. Como di a propia escritora na súa  páxina de Facebook, "xogamos a ser Mona Otero", e que ben nos foi.