venres, 26 de marzo de 2021

Profes a ler...

 No medio de correccións e avaliacións fixemos unha paréntese para relaxarnos comentando as dúas últimas lecturas do club de profesorado: Senlleiras, de Antía Yáñez, e Tierra de mujeres, de María Sánchez. Dúas obras moi distintas pero con moito en común, unha novela e un ensaio que xiran en torno a figuras femininas e que nos fixeron reflexionar sobre a vida das mulleres en diferentes momentos da historia.

E para estes días de descanso, recuperamos un clásico, Il barone rampante, de Italo Calvino. 



mércores, 24 de marzo de 2021

Encontro con Antía Yáñez

 Se a situación sanitaria o permite.... imos coñecer a Antía Yáñez. Estamos desexando que chegue o 28 de maio.



domingo, 21 de marzo de 2021

Mural para "A rapaza de tinta e estrelas"

Cartel elaborado polo alumnado

 Os rapaces e as rapazas de 2º ESO C comenzaron na segunda avaliación a lectura de “A rapaza de tinta e estrelas”. Atopámonos ante unha novela misteriosa con xiros inesperados. 

Nos primeros capítulos asistimos á desaparación dunha moza, feito que repercutirá nos habitantes da Illa. O alumnado móstrase expectante ante este suceso e continúa a lectura co fin de descubrir quen pode ser o culpable deste suceso. E aínda máis, producirase unha nova desaparición? É perigoso ese lugar? Como se sente a veciñanza? Quen ou que é o perigo? 

Da man de Isa e Lupe -protagonistas da novela e amigas da desaparecida- percorreremos lugares prohibidos dentro da Illa. A escena complétase con outros moitos personaxes diversos como o pai de Isa, Pablo ou o gobernador do lugar. 


Misterio, fantasía e sorpresa son algúns dos ingredientes que atoparemos nesta obra. Froito desta lectura, creamos un pequeno mural. Aroa, Nerea, Mariela e Iago buscaron aqueles elementos claves na trama, pero sen desvelar o verdadeiro segredo que agocha “A rapaza de tinta e estrelas”.

RESEÑA de NEREA RODRÍGUEZ IGLESIAS:
Eu doulle 5 estrelas a este libro porque me gustou moito, pero ademais, a historia envólvete, como se che estivese a pasar a ti. 
É unha mestura de todos os xéneros que podes imaxinar, pero sobre todo, o misterio que percorre gran parte da obra. Nunca sabes o que vai ocorrer!
Recomendo moito este libro, lerédelo en moi pouco tempo e seguramente queirades volvelo a ler. 



martes, 9 de marzo de 2021

Encontro con María Sánchez : o acto

Hoxe tivo lugar o programado Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con alumnado de 1º do Bacharelato e 4º da ESO integrante do Club de Lectura.

Un momento do relatorio de María Sánchez
 

María Sánchez faloulles do seu libro "Tierra de mujeres", que o Club de Lectura leu, asociado ao tema "O rural das mulleres ".

A seguir unhas instantáneas do encontro, nas fotos vemos as profesoras Lara Rodríguez e Carme Frade caracterizadas de Elisa e Marcela:




 

O Encontro complementouse cun mural sobre o libro "Tierra de mujeres", elaborado polo Club de Lectura.



O acto foi organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.

domingo, 7 de marzo de 2021

O Rabo rizado e ABCD

    Os lectores e lectoras do 1º ciclo de ESO xa forman dous grupos diferenciados:  a uns gústalles a maxia e a fantasía, son os Rabo Rizado; outros, pola contra, prefiren o realismo e o misterio, os ABCD. Estes últimos déixannos as súas conclusións despois da lectura da obra de Kiran Millwood en tanto as lectoras e o lector de O Rabo Rizado están ultimando os seus murais e a súa crítica. 

    A min o libro non me acabou de gustar, porque aínda que había partes moi entretidas, como cando están buscando a rapaza desaparecida, outras fixéronseme máis aburridas, por exemplo cando nos conta historias que sucederon no pasado. É un libro cuxo argumento e trama non chegan a engancharme. María Villamarín

    Non me gustou demasiado o libro A rapaza de tinta e estrelas porque me pareceu que era un pouco complexo para a miña idade, e nalgúns momentos facíaseme algo aburrido, aínda que tamén tiña partes boas, interesantes e con intriga, pero a min non me gustan os libros cun vocabulario tan extenso. Martín Díaz

    A rapaza de tinta e estrelas pareceume un libro un pouquiño aburrido para a nosa idade, tiña unha linguaxe algo complicada e explicaba moito cada parte da historia. Facíaseme aburrido que o autor explicase tanto, pero gustoume a lenda que o pai lle contou a Isabel. Samuel Fernández

A seguir o mural sobre "A rapaza de tinta estrelas":






mércores, 3 de marzo de 2021

Encontro con María Sánchez

Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.


 
Acto organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.