martes, 31 de xaneiro de 2023

A familia medra

Na última xuntanza do club LeA Casa, xa eramos unha máis. E non todas as que leron puideron estar presentes. 

Esta vez tocaba debater sobre Golpes de Luz, e o comentario foi unánime: a obra gustou ata o punto de enfrascarse todas na lectura ata a fin da mesma. Xaora que deu moito de seu para o debate, por desenvolver unha pluralidade temática chea de matices que preocupan ás familias como o narcotráfico e as terríbeis consecuencias que del se derivan, ou a vellez, tema que nos afecta a todas e todos (pero parece que especialmente a todas), por caso o coidado dos nosos maiores, cada vez mellor fisicamente, mais peor no tocante á saúde mental; ou temas tan difíciles de asimilar como os abusos sexuais dentro da propia familia, ou aqueloutros que inciden na educación de fillas e fillos, tanto do punto de vista da aprendizaxe como das relacións entre compañeiros, algo que por desgraza pode derivar en acoso; ou nos afectos ou desafectos que poden provocar as relacións de amizade...

Por parte, a novela gustou tanto que decidiron que a próxima lectura fose tamén de Ledicia Costas, escollendo Infamia, novela a debater na seguinte reunión. 

E en vista de que os fillos e as fillas dalgunhas destas lectoras adultas "devoraron" as "Esmeraldinas" e "Escarlatinas" pedirémoslle a Ledicia Costas que se achegue, unha vez máis, ata o noso centro e poida solucionarlles a nais, fillos e fillas as dúbidas que lles quedaron.

Ana Paula, Belén, Silvia, María e Susana tras o debate


luns, 30 de xaneiro de 2023

ABCD en acción

 Esta semana os nosos lectores e lectoras máis pequenos convertéronse en críticos literarios. Aínda non sabemos que sairá deses debates e mesas redondas, pero a lectura de O misterio de Portomarín deuse por finalizada e algúns dos membros do noso club quixeron deixarvos as súas reseñas. Mentres esperamos por elas amosámosvos algunhas imaxes do momento.







Fotografías de Sylvia Cea, coordinadora do Club.

mércores, 25 de xaneiro de 2023

Accabadora

Que se esconde detrás da vida dunha costureira solteira, sen fillos biolóxicos, que adopta a María como "fill'e anima"? A onde vai a tía Bonaria a horas intempestivas? Seremos os lectores capaces de responder a estas preguntas antes de que a rapaza adoptada descubra o outro oficio de súa tía?

Accabadora, novela de Michela Murgia, galardoada co Premio Campiello, permítenos coñecer o costume sardo da "adopción da alma", polo que unha muller sen fillos pode afillar un rapaz ou rapaza, ao tempo que nos permite coñecer o labor, altruísta, destas mulleres chamadas "as acabadoras".

Os "Tarabelos", mozos e mozas do noso club de lectura, non ven o día de chegar a Cagliari e poder escrutar nas rúas na procura dalgunha destas mulleres enloitadas, pero mentres tanto déixannos unha imaxe, na que tamén eles parecen querer ocultar algo.