Liches este?, o club de profesorado dá por finalizadas as súas lecturas deste curso comentando Seda, a obra que publicara Alessandro Baricco no ano 1996 e que foi traducida á nosa lingua por Mª Cristina González Piñeiro no ano 2006 para Rinoceronte Editora.
Na terra do liño quixemos saber máis sobre a vida, e morte, dos vermes da seda, e adentrámonos na obra de Baricco. Se facemos caso das palabras do autor, Seda, non é unha novela, nin sequera é un conto, é unha historia. E da historia dese home que todos os anos atravesa media Europa para ir buscar os vermes da seda foi do que debatemos na reunión: por que subía tan ao Norte para facer a súa travesía? Por que o lago cambiaba de nome en cada viaxe? Quedamos coas dúbidas, pero, collendo prestadas as palabras de Vargas Llosa, recomendámosvos como lectura de verán esta "historia misteriosa, lacónica perfecta".
Como xa é unha constante neste club, sempre somos máis as lectoras que as e os participantes no debate. A proximidade das avaliacións complicoulles a axenda a algúns, pero aínda así aí está esa media ducia para opinar.
E non podemos deixar pasar a oportunidade de desexarlle toda a sorte do mundo a Adriana Iglesias, que tan ben nos coordinou este ano, e a Mar Espinosa, que achegou o punto de vista científico, na súa andaina en cursos vindeiros, neses novos centros aos que as levou o CXT. Iso si, esperamos que sigan lendo con nós e se acheguen para as reunións.
Adriana e Mar, foi un pracer debater con vós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario