E por fin chegou o día... Os mozos da sección española do Liceo Scientifico Pitagora (Cagliari) xa están coas súas familias de acollida. Serán sete días de non parar, nos que desde onte mesmo están a coñecer diferentes localidades galegas, máis alá das rúas e parroquias de Lalín e Vila de Cruces onde se hospedan.
E que mellor que empezar por Pedrafita do Cebreiro? Alí agardábanos o Santo Graal e a neve, moitos deles leron por vez primeira a Cabanillas e fotografáronse co cáliz que se custodia no santuario, pero o mellor estaba por chegar. Dos vinte e un mozos sardos moi pouquiños tocaran a neve algunha vez, así que os 4.5 Km que fixeron polo tramo O Cebreiro-Liñares, totalmente nevado, e cun espesor considerable, provocaron algúns dos momentos máis ilusionantes do día.
O Mosteiro de Samos e Portomarín foron outras das paradas obrigatorias desta primeira xornada cultural, na que xa se empezaba a ver interacción entre dúas culturas, no fondo, non tan diferentes: a sarda e a galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario