Como xa é costume en moitos centros educativos, aproveitamos o mes de maio para expoñer os CADERNOS DE VIAXE, diarios do noso alumnado que nos amosa algún retalliño da súa estadía en Sardegna (ou Sardigna).
Neste intercambio puideron comprobar de primeira man como hai linguas, moi cerquiña de nós, moito máis minorizadas ca o galego, e como os prexuízos lingüísticos que algúns teñen sobre a nosa lingua son, por desgraza, exportables a moitas outras. O sardo non ten cabida nos currículos académicos dos seus "xemelgos" de Cagliari, e só uns poucos son quen de falalo.
Pero non todo vai ser lingua, e o sábado 15 de abril supuxo a primeira experiencia en avión para algúns destes mozos. A fin de semana foi tempo para as familias e a praia.
O luns 17 a xornada comezou no Parque da Giara, un espectacular parque natural no que, entre outras especies, puideron observar os únicos cabalos de Europa que viven en total liberdade, sen ningún tipo de intervención humana; ou os escaravellos do esterco construíndo as súas bólas de alimento; ao lado de especies máis comúns para eles coma lagartos ocelados, bolboretas, ciclamens ou euphorbias.
Xa pola tarde, e de novo nun entorno de natureza, mais á beira do mar, a área arqueolóxica de Nora permitiulles coñecer a civilización fenicia.
E seguindo coa natureza o martes 18 tocou subir á Sella del diavolo para obter as mellores vistas do Poetto. No descenso cara á praia apareceron os animais máis típicos do Sur da Sardeña, os flamengos que habitan as Salinas de Montelargius.
Para o mércores 19, os nosos anfitrións tíñannos reservadas un par de visitas subterráneas. A primeira delas foi San Giovanni, unha cavidade utilizada polo home para múltiples usos, entre eles servir de estrada ata o ano 1999. Nela as estalagtitas e estalagmitas son o principal centro de interese, xunto coas mostras de diferentes tipos de rochas.
E despois de xantar na praia de Masua dirixímonos á entrada de Porto Flavia, un par de túneles escavados na rocha que permitía que os barcos de grande calado se achegasen a recoller o mineral extraído polas zonas de Iglesia e Carbonia.
Finalmente, o xoves acabamos as rutas pola illa achegándonos a Barumini, para coñecer a cultura dos nuraxi, unha civilización que habitou a Sardeña entre os séculos XIII e VI a. C.
Durante a intensa semana de intercambio, tamén houbo tempo para ver o funcionamento do Liceo Scientifico Pitagora, onde estudan os nosos anfitrións, na zona de Selargius, e de coñecer a capital, Cagliari, cidade na que está ambientada Acabadora, unha das obras compartidas polo club de lectura Tarabelos (Biblioteca Mario Pereira) e o alumnado da sección española do liceo sardo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario