venres, 22 de abril de 2022

Encontro co Liceo Pitagora Selargius

Para celebrar o día internacional do libro fomos ata Sardeña, iso si, de momento, vía novas tecnoloxías. Paula Gómez, gran dinamizadora da lectura alí onde estea, invitounos desde o seu novo centro de traballo, o Liceo Pitagora Selargius  a compartir unha horiña de literatura, e non puidemos dicirlle que non.

O alumnado de 1º da ESO de Rabo Rizado e ABCD (o de 2º estaba noutra actividade) leu "A aguia e a toupa", un conto que o noso Mario Pereira escribiu para Manuela van alá xa 20 anos. A lectura en galego ía acompañada dunha adaptación ao español para os estudantes italianos. A seguir, os lalinenses puxeron a proba os seus coñecementos sobre Sardeña co Kahoot que prepararon os estudantes do primeiro ano de español do liceo sardo. Logo trataron de adiviñar a que conto clásico pertencían os fragmentos que escoitaban en italiano (e fixérono moi ben), e, finalmente escoitaron unha lenda popular de Sardeña, na súa lingua propia, o sardo, (non oficial) moi similar ás nosas da Santa Compaña.

Nada máis desconectármonos da sesión preguntaron cando era a próxima xuntanza. Tan mal non o deberon pasar.

E pola súa participación na actividade aínda puideron escoller un obxecto da caixa de agasallos que gardamos na biblioteca. 









martes, 22 de marzo de 2022

Libros coma caramelos

 Nas reunións dos clubs de lectura non sempre falamos sobre os libros, algúns días, coma hoxe, simplemente abrimos as caixas que acaban de chegar e miramos con que libro imos para a casa.

Os nosos lectores e lectoras son uns magníficos asesores, críticos directos que nos din o que non lles gusta sen ningún tipo de prexuízo.



venres, 18 de febreiro de 2022

Rewind, de Juan Tallón

Rewind é o termo cinematográfico escollido por Juan Tallón para titular a súa novela, a obra que lemos no club de lectura de profesorado durante o Nadal. 

A reunión non foi posible ata este luns 14, e tampouco nos puidemos xuntar moitos, pero deu lugar a uns cantos debates interesantes. Aquí vos deixamos os tres aspectos máis comentados:

  • Rewind, anglicismo que dá título a unha obra en español: é necesario?  Como o pronunciamos?
  • É o terrorismo (nomeadamente o relacionado co mundo islámico) un tema xa demasiado recorrente na literatura actual?
  • Aparece a historia de Emma de maneira moi forzada na trama xeral?



mércores, 29 de decembro de 2021

Lecturas de Nadal


Que andarán a facer estes lectores nos últimos días do ano? Quen sabe... Pero por se Papá Noel non visitaba as librerías, ou non acertaba cos seus gustos, antes de írense de vacacións pasaron pola biblioteca a facerse con provisións. Os membros de "Rabo rizado" decantáronse polo manga, mentres que os de "ABCD" seguen con Agustín Fernández Paz, algúns darán boa conta de O centro do labirinto e outros decidíronse por Cartas de inverno
A ver que nos contan á volta.

xoves, 25 de novembro de 2021

Trama Irmau : as lecturas e o 25-N

As lecturas deste ano van a bo ritmo, desde o manga dos máis pequenos ata Deixádenos remar e As Ramonas dos máis vellos. E no medio gozamos da lectura de Agustín Fernández Paz e O centro do labirinto.

Pero hoxe, 25 N, quixemos que o resto de alumnado do IES, así como o profesorado, escoitase uns fragmentos dunhas historias duras, que nos deben facer reflexionar sobre o sufrimento de moitas mulleres. Podedes ver a referencia á actividade en:

http://tarabelateca.blogspot.com/2021/11/25-n-dia-internacional-da-eliminacion.html

 E desde a biblioteca fixemos un pequeno agasallo de agradecemento para estes lectores que permitiron que a actividade fose posible.



xoves, 24 de xuño de 2021

Ao fío da excursión a Portomoraín do Club de electura

Ao fío da excursión a Portomarín do Club de lectura, recibimos no blog Trama Irmau tres interesantes reflexións sobre a novela que motivou a viaxe, O misterio de Portomarín, e outra sobre a propia viaxe.

"Primeiro Portomarín e logo Castrelo do Miño..."

Gustoume moito o libro "O misterio de Portomarín" xa que  me tira moito este tipo de libros e a súa trama, cada vez que pasaba ao seguinte capítulo do libro enganchábame máis. Pareceume un libro moi bo e entretido, sobre todo ao final, xa que ten moita intriga e éntrache máis curiosidade sobre o que vai pasar despois. Recomendo esta obra ao 100%, tanto para adolescentes como para persoas máis vellas ca min.

Martin Díaz 

A min este libro gustoume moito. A trama paréceme moi interesante e fai que te enganches ao libro. É unha obra adecuada para a nosa idade, xa que non ten un vocabulario moi complexo e está todo moi ben explicado e narrado. Tamén me gusta a presentación: tanto a portada do libro, como a distribución dos capítulos. 

María Villamarín

O misterio de Portomarín gustoume moito porque cada vez que rematabas un dos capítulos, este enlazaba co seguinte e sempre quedabas coa intriga ata o final do libro. Tamén hai partes interesantes sobre a historia de Portomarín, coma a historia do embalse de Belesar.

Samuel Fernández

Sobre a excursión

A viaxe a Portomarín gustoume moito xa que coñecín un lugar novo na nosa terra galega. Nunca cheguei a pensar que un albergue fose coma o que vimos, cheo de liteiras, e, sobre todo, impactoume un cartel que vin alí que poñía “Silencio a partir das 23:00 h”. 
A igrexa de San Nicolao pareceume preciosa e coñecer a súa verdadeira historia do porqué se fixo así tamén. Despois de todo iso, fixemos a camiñada do río Loio, sendo este un hábitat natural único de Galicia, foron 7 km de chuvia, risas e ganas de chegar a ese final onde nos esperaban aqueles marabillosos xeados, que sabían xenial!

Samuel Fernández 

Así mesmo o alumnado do Club de lectura elaborou unha completa reportaxe gráfica sobre o evento:

Á esquerda, as pedras numeradas de San Nicolao (Antón). Á dereita, o río Miño (Xiana)

Ruta do Loio de Samuel e Xiana, respectivamente

Á esquerda, igrexa de San Pedro (Samuel); á dereita, San Nicolao (Iris e Uxía)

Á esquerda, Ponte da Retorta (Iris e Uxía); á dereita, fervenza (Samuel)

Igrexa de San Nicolao, fachada e porta (Martín Díaz)

Á esquerda, igrexa de San Pedro (María); á dereita, fonte fronte á igrexa (Martín Díaz)

Casa onde apareceu o óso (María) e casa asolagada (Martín Díaz)

Á esquerda, Hotel Ferramenteiro; á dereita, inicio da ruta do Loio (Iris e Uxía)

Á esquerda, alambique (Carlos); á dereita, escalinata e capela das Neves (María)

Á esquerda, xoaniña na lavanda (Antón); á dereita, flor de romeu (María)

Á esquerda, marca de canteiro en San Nicolao (Antón); á dereita, igrexa de San Nicolao (Carlos)

                               Á esquerda, fervenza (Carlos); á dereita, fervenza da Ruxidoira (Antón)

Carballo milenario (María)

Ponte nova sobe a vella (María)

A tropa do Club de lectura