Para celebrar o día internacional do libro fomos ata Sardeña, iso si, de momento, vía novas tecnoloxías. Paula Gómez, gran dinamizadora da lectura alí onde estea, invitounos desde o seu novo centro de traballo, o Liceo Pitagora Selargius a compartir unha horiña de literatura, e non puidemos dicirlle que non.
O alumnado de 1º da ESO de Rabo Rizado e ABCD (o de 2º estaba noutra actividade) leu "A aguia e a toupa", un conto que o noso Mario Pereira escribiu para Manuela van alá xa 20 anos. A lectura en galego ía acompañada dunha adaptación ao español para os estudantes italianos. A seguir, os lalinenses puxeron a proba os seus coñecementos sobre Sardeña co Kahoot que prepararon os estudantes do primeiro ano de español do liceo sardo. Logo trataron de adiviñar a que conto clásico pertencían os fragmentos que escoitaban en italiano (e fixérono moi ben), e, finalmente escoitaron unha lenda popular de Sardeña, na súa lingua propia, o sardo, (non oficial) moi similar ás nosas da Santa Compaña.
Nada máis desconectármonos da sesión preguntaron cando era a próxima xuntanza. Tan mal non o deberon pasar.
E pola súa participación na actividade aínda puideron escoller un obxecto da caixa de agasallos que gardamos na biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario