luns, 30 de xaneiro de 2023

ABCD en acción

 Esta semana os nosos lectores e lectoras máis pequenos convertéronse en críticos literarios. Aínda non sabemos que sairá deses debates e mesas redondas, pero a lectura de O misterio de Portomarín deuse por finalizada e algúns dos membros do noso club quixeron deixarvos as súas reseñas. Mentres esperamos por elas amosámosvos algunhas imaxes do momento.







Fotografías de Sylvia Cea, coordinadora do Club.

mércores, 25 de xaneiro de 2023

Accabadora

Que se esconde detrás da vida dunha costureira solteira, sen fillos biolóxicos, que adopta a María como "fill'e anima"? A onde vai a tía Bonaria a horas intempestivas? Seremos os lectores capaces de responder a estas preguntas antes de que a rapaza adoptada descubra o outro oficio de súa tía?

Accabadora, novela de Michela Murgia, galardoada co Premio Campiello, permítenos coñecer o costume sardo da "adopción da alma", polo que unha muller sen fillos pode afillar un rapaz ou rapaza, ao tempo que nos permite coñecer o labor, altruísta, destas mulleres chamadas "as acabadoras".

Os "Tarabelos", mozos e mozas do noso club de lectura, non ven o día de chegar a Cagliari e poder escrutar nas rúas na procura dalgunha destas mulleres enloitadas, pero mentres tanto déixannos unha imaxe, na que tamén eles parecen querer ocultar algo.



mércores, 21 de decembro de 2022

LeA Casa renace das súas cinzas

Cal Ave Fénix, o Club de lectura de familias, LeA Casa, renace neste 2022  despois de tres anos paralizado por culpa da pandemia da Covid 19.

Nesta primeira xuntanza da nova normalidade só catro nais puideron acudir á reunión, pero algunha ata viña coas anotacións feitas durante a lectura. La lluvia amarilla, de Julio Llamazares, foi a obra seleccionada para comezar o curso e Golpes de Luz, de Ledicia Costas, para acabar o ano.

Á espera das recensións que nos cheguen destas catro lectoras, deixámosvos unha foto das catro:



xoves, 17 de novembro de 2022

Rabo Rizado cambia as reunións

Os lectores e as lectoras de banda deseñada decidiron cambiar as súas datas para a reflexión lectora: deixan as reunións semanais, nos recreos dos venres, para xuntarse un xoves ao mes, durante a hora do xantar. Eses bocadillos e ensaladas compartidas xa lles permiten ir falando das súas lecturas... E do humano e o divino.

Hoxe, nunha reunión minguada outra vez polos exames, deixaron atrás a Tintín para adentrarse en A mansión dos Pampín. Tamén houbo tempo para... falar das súas lecturas favoritas: Javier acaba de reler, e recomendarnos, O mono do asasino; debater sobre porque unha mesma obra nos gusta a uns e a outros non, neste caso Heartstopper foi do agrado de Meriem, pero Antón non foi quen de rematala; para que Sofía nos contase como Yo no quiero ser princesa, lle axudou a comprender a evolución nos nosos soños no paso da infancia á adolescencia; e para que Noa se centrase no acoso escolar mentres que Minia non consideraba que houbese unha lectura que a marcase.

María, a súa coordinadora, faloulles dun prexuízo bastante común sobre o cómic: non é un xénero para adultos. Que enganados están algúns e algunhas.

Estes lectores e lectoras queren darlle as grazas a María, da cafetería, por atendelos durante o tempo no que podería estar descansando.



venres, 11 de novembro de 2022

Día das librerías

Poida que a celebración deste día non sexa máis que outra das múltiples campañas que nos animan a consumir, mais neste caso a Trama Irmau quere aproveitar o día para darlle as grazas á Librería Moito Conto por permitir aos seus lectores e ás súas lectoras remexer entre os libros, buscar, mirar e devolver ás mesas; por falarlles das obras que acababan de recibir; por comentarlles que libros estaban tendo tendo éxito entre os rapaces e as rapazas da súa idade; e ata por brindarse a facernos fotos ben xeitosas. 

Así que, Moito Conto, moitas grazas.





xoves, 10 de novembro de 2022

ABCD en acción

 Mirade que contenta temos a Rosalía!!! Non é para menos, cada xoves é unha asistente máis á reunión do club de lectura de aventura e de seguro que desfruta dos comentarios destes pequenos e pequenas lectoras coordinados por Sylvia Cea.

Hoxe estaban poucos, seica tiñan exame, pero as súas cariñas dino todo. 



martes, 20 de setembro de 2022