xoves, 17 de novembro de 2022

Rabo Rizado cambia as reunións

Os lectores e as lectoras de banda deseñada decidiron cambiar as súas datas para a reflexión lectora: deixan as reunións semanais, nos recreos dos venres, para xuntarse un xoves ao mes, durante a hora do xantar. Eses bocadillos e ensaladas compartidas xa lles permiten ir falando das súas lecturas... E do humano e o divino.

Hoxe, nunha reunión minguada outra vez polos exames, deixaron atrás a Tintín para adentrarse en A mansión dos Pampín. Tamén houbo tempo para... falar das súas lecturas favoritas: Javier acaba de reler, e recomendarnos, O mono do asasino; debater sobre porque unha mesma obra nos gusta a uns e a outros non, neste caso Heartstopper foi do agrado de Meriem, pero Antón non foi quen de rematala; para que Sofía nos contase como Yo no quiero ser princesa, lle axudou a comprender a evolución nos nosos soños no paso da infancia á adolescencia; e para que Noa se centrase no acoso escolar mentres que Minia non consideraba que houbese unha lectura que a marcase.

María, a súa coordinadora, faloulles dun prexuízo bastante común sobre o cómic: non é un xénero para adultos. Que enganados están algúns e algunhas.

Estes lectores e lectoras queren darlle as grazas a María, da cafetería, por atendelos durante o tempo no que podería estar descansando.



Ningún comentario:

Publicar un comentario