martes, 3 de maio de 2022

Itinerario lector As Ramonas, con Ana Cabaleiro


Que mellor maneira que rematar a lectura dunha obra que da man da propia escritora, recorrendo con ela os espazos nos que se desenvolve a novela. Iso foi o que pensaron Adriana Iglesias e Carmen Frade para o alumnado dos Tarabelos I e II, clubs de lectura de 2º Ciclo de ESO e Bacharelato.

Ana Cabaleiro, autora de As ramonas, prestouse amablemente a achegarse ao seu Saídres natal e facernos de guía polas terras de Trasdeza atravesadas polas vellas vías do tren. 

No blog de A Marela tarabela podedes ver a crónica deste día de debate e creación. Como di a propia escritora na súa  páxina de Facebook, "xogamos a ser Mona Otero", e que ben nos foi.























venres, 22 de abril de 2022

Encontro co Liceo Pitagora Selargius

Para celebrar o día internacional do libro fomos ata Sardeña, iso si, de momento, vía novas tecnoloxías. Paula Gómez, gran dinamizadora da lectura alí onde estea, invitounos desde o seu novo centro de traballo, o Liceo Pitagora Selargius  a compartir unha horiña de literatura, e non puidemos dicirlle que non.

O alumnado de 1º da ESO de Rabo Rizado e ABCD (o de 2º estaba noutra actividade) leu "A aguia e a toupa", un conto que o noso Mario Pereira escribiu para Manuela van alá xa 20 anos. A lectura en galego ía acompañada dunha adaptación ao español para os estudantes italianos. A seguir, os lalinenses puxeron a proba os seus coñecementos sobre Sardeña co Kahoot que prepararon os estudantes do primeiro ano de español do liceo sardo. Logo trataron de adiviñar a que conto clásico pertencían os fragmentos que escoitaban en italiano (e fixérono moi ben), e, finalmente escoitaron unha lenda popular de Sardeña, na súa lingua propia, o sardo, (non oficial) moi similar ás nosas da Santa Compaña.

Nada máis desconectármonos da sesión preguntaron cando era a próxima xuntanza. Tan mal non o deberon pasar.

E pola súa participación na actividade aínda puideron escoller un obxecto da caixa de agasallos que gardamos na biblioteca. 









martes, 22 de marzo de 2022

Libros coma caramelos

 Nas reunións dos clubs de lectura non sempre falamos sobre os libros, algúns días, coma hoxe, simplemente abrimos as caixas que acaban de chegar e miramos con que libro imos para a casa.

Os nosos lectores e lectoras son uns magníficos asesores, críticos directos que nos din o que non lles gusta sen ningún tipo de prexuízo.



venres, 18 de febreiro de 2022

Rewind, de Juan Tallón

Rewind é o termo cinematográfico escollido por Juan Tallón para titular a súa novela, a obra que lemos no club de lectura de profesorado durante o Nadal. 

A reunión non foi posible ata este luns 14, e tampouco nos puidemos xuntar moitos, pero deu lugar a uns cantos debates interesantes. Aquí vos deixamos os tres aspectos máis comentados:

  • Rewind, anglicismo que dá título a unha obra en español: é necesario?  Como o pronunciamos?
  • É o terrorismo (nomeadamente o relacionado co mundo islámico) un tema xa demasiado recorrente na literatura actual?
  • Aparece a historia de Emma de maneira moi forzada na trama xeral?



mércores, 29 de decembro de 2021

Lecturas de Nadal


Que andarán a facer estes lectores nos últimos días do ano? Quen sabe... Pero por se Papá Noel non visitaba as librerías, ou non acertaba cos seus gustos, antes de írense de vacacións pasaron pola biblioteca a facerse con provisións. Os membros de "Rabo rizado" decantáronse polo manga, mentres que os de "ABCD" seguen con Agustín Fernández Paz, algúns darán boa conta de O centro do labirinto e outros decidíronse por Cartas de inverno
A ver que nos contan á volta.

xoves, 25 de novembro de 2021

Trama Irmau : as lecturas e o 25-N

As lecturas deste ano van a bo ritmo, desde o manga dos máis pequenos ata Deixádenos remar e As Ramonas dos máis vellos. E no medio gozamos da lectura de Agustín Fernández Paz e O centro do labirinto.

Pero hoxe, 25 N, quixemos que o resto de alumnado do IES, así como o profesorado, escoitase uns fragmentos dunhas historias duras, que nos deben facer reflexionar sobre o sufrimento de moitas mulleres. Podedes ver a referencia á actividade en:

http://tarabelateca.blogspot.com/2021/11/25-n-dia-internacional-da-eliminacion.html

 E desde a biblioteca fixemos un pequeno agasallo de agradecemento para estes lectores que permitiron que a actividade fose posible.