mércores, 21 de xuño de 2023

Fin de curso: as recensións

O mércores 21 de xuño está marcado no calendario escolar en vermello: acaban as clases, e empeza o verán para o noso alumnado. Pero os pequechos de ABCD non quixeron marchar sen deixarnos as súas opinións sobre algúns dos libros lidos. Se non os coñecedes, podes collelos na Mario Pereira e gozar da lectura durante as vacacións.

Aquí os tedes, coas obras que leron eles ou algúns dos compañeiros dos outros clubs. Sylvia Cea, a súa coordinadora, desta vez aceptou saír na foto.



O misterio de Portomarín, por Pablo Pérez

"Esta novela foi escrita por Antía Yáñez e foi a escollida polo noso club de lectura para ler e comentar ao longo do primeiro trimestre.

É a historia de catro rapaces que teñen que pasar o verán na vila de seu tío, Portomarín, para axudalo co albergue do que é propietario. Nun principio pensaban que o verán ía ser tan monótono como os anteriores, pero unha serie de sucesos cos que descubriron o cadáver dunha muller convertiuno nun moito máis axetreado e divertido. Despois das súas pesquisas descubriron que a muller se atopaba nun hotel que se vira anegado polo encoro construído na zona. Ao final chegarán a unha descuberta que lles resultara inimaxinable ata ese momento.

Recomendaría este libro aos amantes do misterio, xa que os mantén intrigados ata o último momento"

O misterio de Portomarín, por Manuel Rodríguez

"Foi unha entretida historia sobre o misterio dun asasinato que me enganchou moito, e foi moi bonito. Ademais nesta historia mestúranse diferentes sucesos históricos." 


O que sei do silencio, por Ana Taboada

"Este libro gustoume moito polo punto de vista que dá a escritora sobre unha historia dun caso de acoso. Aprendín moitas cousas e fíxome reflexionar sobre este tema. Unha vez que empecei a lelo non puiden parar, e remateino o mesmo día no que o empecei.

Eu recomendo este libro porque coa lectura das súas páxinas aprendes moito e engánchate o tema da historia."


O que sei do silencio, por Alicia Quintela

"O que sei do silencio é un libro que me gustou moito porque conta unha historia pola que está pasando moita xente. Gústame que mostre a realidade, que non todo na vida son flores nun día soleado, que a vida é moi inxusta, pero que se nos mantemos unidos podemos vivila sen medo, sendo nós mesmos."


O que sei do silencio, por Leire Pérez

"Pareceume un libro moi intrigante e interesante. O que non me gustou moito foi que a amiga non dixera antes que a protagonista estaba sendo acosada. É un libro deses que queres seguir lendo para saber o que pasará, e este tipo de historias encántanme."


O que sei do silencio, por Noa Gil

"Pareceume un libro moi interesante e que engancha desde o principio. Ademais o final non o esperaba e encantoume a trama. 100% recomendable".


Cuando Hitler robó el conejo rosa, por Palmira Ferreiro

"A min pareceume un libro moi emocionante e interesante. Sempre me gustaron os libros que falan sobre a 2ª Guerra Mundial e saber como a xente lograba fuxir. Este libro flipoume moitísimo, xa que é a historia dunha nena á que lle acontecen este tipo de sucesos. Anna é moi afortunada."


Jesper, por David Vila

"Gustoume moito o libro pola súa realidade histórica. A estrutura estaba moi ben organizada, e o mellor da obra era a intriga que provocaba continuar lendo o libro. O único aspecto negativo que podo comentar é a súa brevidade e o seu final desgraciado".


Jesper, por Mateo Gutiérrez

"Gustoume moito, xa que presenta a historia de forma complexa e, aínda que é algo confusa ao principio, resólvese ao final. Ademais, pareceume interesante e divertinme moito léndoo, porque a trama é emocionante e xera suspense. Recomendaríallo a calquera persoa da miña idade á que lle guste a historia do século XX"

Ningún comentario:

Publicar un comentario