xoves, 16 de maio de 2024

Pegada de carteis

Cada mes de maio volve aos corredores do IES Ramón María Aller Ulloa a tradicional pegada de carteis, como se dun período electoral se tratase. Neste caso, os carteis plasman a Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta

O avatar creado polo alumnado do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel permitirá ao noso alumnado coñecer algo máis da homenaxeada neste 2024 na festa das Letras Galegas.

E se queredes escoitar algúns dos seus poemas, recitados por alumnas de 1º do Bacharelato, podedes seguir a nosa canle en ivoox, a nosa Radio Marela.



luns, 6 de maio de 2024

Memoria dunha nena labrega

ABCD escolleu como penúltima lectura do curso todo un clásico, Memorias dun neno labrego. A lectura da obra de Neira Vilas intégrase no Proxecto "Lalín, o concello das mil vacas", no que o alumnado traballa na materia do Proxecto Compentencial. 
No caso do club de lectura, despois de ler e debater sobre as aventuras de Balbino, as rapazas e os rapaces indagaron sobre a mesma época, mais convertendo en protagonista a unha nena: avoas maternas, basicamente, pero tamén algunha veciña, que narraron as súas aventuras como nenas de aldea na segunda métade do século XX.

As narracións pódense ver e ler no taboleiro da biblioteca. E unha pequena selección formará parte da guía da lectura sobre gandaría que se está a elaborar, a nosa marela deste curso 23-24.

Coordinan o club e a exposición Iria Ares e Sylvia Cea.