martes, 18 de xuño de 2024

Reunión conxunta dos clubs de lectura

 Como actividade final dos clubs de lectura, o CEIP Xesús Golmar invitounos ás súas instalacións, ben coñecidas para a maior parte do noso alumnado.

A primeiras horas da mañá, o club de 6º de EP recibiu os estudantes do 1º ciclo do IES, que tiveron que adiviñar que contiña a "Caixa do Misterio de Portomarín". Na súa Biblioteca Neira Vilas, explicáronnos que cada vez que len unha obra meten un obxecto dentro desa caixa, algo que garde relación coa obra lida. Aos poucos, os lectores do Aller Ulloa foron adiviñando que dentro da caixa estaban desde o coche no que viaxaran os nenos a Portomarín ata o sol que asociaban ás vacacións de verán. Logo compartiron experiencias dos clubs de lectura e acordaron que o curso vindeiro seguirán a ler.

Máis tarde foi a quenda dos lectores de 4º de ESO, que grazas ao préstamo da Biblioteca municipal Varela Jácome, puideron ler e dramatizar 16 historias diferentes ao alumnado de Educación Infantil do colexio. Pero os lectores non estaban sós: entraron á aula de psicomotricidade comandados por unha tamborileira á que seguían, tal ratiños de Hamelin, os alumnos do Bacharelato de Artes, para amenizar a lectura con globoflexia, papiroflexia e debuxos sobre globos.

Dámoslles as grazas ás profesoras do CEIP Xesús Golmar, que nos invitaron e fixeron posible a actividade. E collémolas da palabra e repetiremos a principios do curso 24-25.  A ver se daquela o tempo nos deixa baixar ao parque do Pontiñas e ler ao aire libre.

A seguir algunhas imaxes da actividade.

































xoves, 16 de maio de 2024

Pegada de carteis

Cada mes de maio volve aos corredores do IES Ramón María Aller Ulloa a tradicional pegada de carteis, como se dun período electoral se tratase. Neste caso, os carteis plasman a Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta

O avatar creado polo alumnado do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel permitirá ao noso alumnado coñecer algo máis da homenaxeada neste 2024 na festa das Letras Galegas.

E se queredes escoitar algúns dos seus poemas, recitados por alumnas de 1º do Bacharelato, podedes seguir a nosa canle en ivoox, a nosa Radio Marela.



luns, 6 de maio de 2024

Memoria dunha nena labrega

ABCD escolleu como penúltima lectura do curso todo un clásico, Memorias dun neno labrego. A lectura da obra de Neira Vilas intégrase no Proxecto "Lalín, o concello das mil vacas", no que o alumnado traballa na materia do Proxecto Compentencial. 
No caso do club de lectura, despois de ler e debater sobre as aventuras de Balbino, as rapazas e os rapaces indagaron sobre a mesma época, mais convertendo en protagonista a unha nena: avoas maternas, basicamente, pero tamén algunha veciña, que narraron as súas aventuras como nenas de aldea na segunda métade do século XX.

As narracións pódense ver e ler no taboleiro da biblioteca. E unha pequena selección formará parte da guía da lectura sobre gandaría que se está a elaborar, a nosa marela deste curso 23-24.

Coordinan o club e a exposición Iria Ares e Sylvia Cea.













luns, 22 de abril de 2024

Por Lugo e Portomarín

O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, é xa un clásico dos nosos clubs de lectura, que segue a enganchar os máis cativos co misterio, e que nos permite ás profesoras adentrarnos con eles na historia recente do noso país. E para completar a lectura é obrigada á visita á vila na que transcorren os feitos.

A primeira parte desta xornada lúdica trascorreu no casco urbano de Lugo, onde o alumnado, divido en grupos, debía buscar e fotografar elementos emblemáticos e/ou curiosos da cidade; para logo reunirse diante da librería Lectocosmos e mercar aquelas obras que lle gustaría ter na Biblioteca.
Tralo xantar chegou a hora de visitar a nova Portomarín, posto que o nivel de auga do encoro non permitiu nin albiscar as casas soterradas nas que Venres fixo o achádego que provocou a investigación por parte dos rapaces. Pero no Portomarín construído despois do asolagamento da vella aldea si puideron tratar de idenficar a casa do cura, a do pai dos policías e a igrexa parroquial.

E non se pode ir a Portomarín sen pararse diante, e arredor, da Igrexa de San Nicolás, coa súa peculiar estrutura, os números gravados nas pedras, ou as marcas de canteiros.

A seguir, algunhas imaxes da calorosa xornada.