luns, 22 de abril de 2024

Por Lugo e Portomarín

O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, é xa un clásico dos nosos clubs de lectura, que segue a enganchar os máis cativos co misterio, e que nos permite ás profesoras adentrarnos con eles na historia recente do noso país. E para completar a lectura é obrigada á visita á vila na que transcorren os feitos.

A primeira parte desta xornada lúdica trascorreu no casco urbano de Lugo, onde o alumnado, divido en grupos, debía buscar e fotografar elementos emblemáticos e/ou curiosos da cidade; para logo reunirse diante da librería Lectocosmos e mercar aquelas obras que lle gustaría ter na Biblioteca.
Tralo xantar chegou a hora de visitar a nova Portomarín, posto que o nivel de auga do encoro non permitiu nin albiscar as casas soterradas nas que Venres fixo o achádego que provocou a investigación por parte dos rapaces. Pero no Portomarín construído despois do asolagamento da vella aldea si puideron tratar de idenficar a casa do cura, a do pai dos policías e a igrexa parroquial.

E non se pode ir a Portomarín sen pararse diante, e arredor, da Igrexa de San Nicolás, coa súa peculiar estrutura, os números gravados nas pedras, ou as marcas de canteiros.

A seguir, algunhas imaxes da calorosa xornada.




















luns, 8 de abril de 2024

Preparando o itinerario literario

 

Nas reunións da semana pasada non só se falou de lecturas, ou case non se falou delas, pois o centro de interese era o itinerario literario deste curso. Portomarín vai estar dentro do percorrido que se fará o mércores 17, pero hai máis lugares incluídos nas actividades do día, e había que informarse ben.

En espera da crónica e imaxes da xornada literaria, deixámosvos unha fotografía da xuntanza de ABCD,  cortesía de Iria Ares.



sábado, 2 de marzo de 2024

Miss Merkel en LeA Casa

     Pouquiño a pouquiño imos medrando, e nesta ocasión démoslle a benvida ao club a Cristina, así que xa somos sete. E Belén, que nun puido estar connosco, só veu as rosquillas en foto, non lle deixamos nin unha.

    Despois da experiencia de lecturas como La lluvia amarilla, Golpes de Luz ou A culpa, quixemos mudar de rumbo e ler algo totalmente diferente. Buscamos unha lectura unicamente para relaxarnos e rir un pouco e deixámonos aconsellar por Susana, así que escollemos a David Safier e a súa obra Miss Merkel. El caso de la canciller jubilada para a reunión do mes de febreiro. Non nos quedou claro se as anécdotas políticas que se contan terán unha base real ou serán froito da imaxinación do autor alemán, pero si que a lectura nos deu para reflexionar sobre cuestións como o valor da amizade, o baleiro trala xubilación, ou o problema de facer rendibles os grandes edificios que mudaron os seus usos, coma os pazos galegos ou o castelo alemán no que se desenvolve a trama.

E seguindo a esa Miss Merkel xubilada, que facía unhas riquísimas tortas, Ana Paula agasallounos con estas rosquillas fritidas.




mércores, 24 de xaneiro de 2024

Aquí tamén se fala galego

O Ramón Mª Aller Ulloa é un dos IES que participa na campaña de DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA da mocidade estudantil  Aquí tamén se fala galego, e antes de empezar a repartir os cartaces pola comarca quixemos deixar rexistro de que nos nosos clubs de lectura tamén o falamos.

Na imaxe Tarabelos I, no Departamento de Linguas.


 

mércores, 10 de xaneiro de 2024

Cambio de lectura

 

Co cambio de trimestre, Tarabelos I deixou as súas lecturas sobre actividades agrícolas e meteuse de cheo nunha tradición sarda, a das acabadoras. A lectura de Acabadora, de Michella Murgia, xa funcionara moi ben o curso pasado entre o alumnado de Bacharelato, por iso decidimos retomala, neste caso para 3º ESO. Ao mesmo tempo, seguimos falando de tradicións, mais trocamos Galicia por Sardeña, agora que estamos a piques de recibir as alumnas do Liceo Pitagora (Erasmus +).

E como case sempre falta alguén, nesta foto non aparece Manuel.




mércores, 8 de novembro de 2023

Tarabelos I, masculino singular

 Como seica unha imaxe vale máis ca mil palabras, aquí vola deixamos:

De esquerda a dereita, nos micros, Pablo, David V., Íker, Mateo e Samuel. Ao ordenador e mesa de misturas, David F. Fabio e Martín.

Desde Bibliotecas escolares de Galicia levan uns aniños incidindo en que debemos publicitar a lectura entre os homes, porque parece que ler é cousa de mulleres. E tamén nos animan a experimentar coa Radio na Biblio, e como na Mario Pereira somos guiadiños fixémoslle caso. E o resultado é este club de lectura de 3º ESO, os nosos Tarabelos I, 9 rapaces (na imaxe falta José Antonio) que neste curso non só lerán e comentarán, senón que xa están investigando, posto que forman parte do Proxecto Interdisciplinar do grupo de traballo da Biblioteca. 

As portas dos nosos clubs están abertas todo o ano, así que se vos animades, achegádevos á Biblioteca e apuntádevos, hai sitio para todos: alumnado, familias, persoal docente e non docente... Os mércores reunímonos ABCD, Tarabelos I e II. As familias e os traballadores do centro farémolo cada dous meses. 

E as lecturas? ABCD comezou cunha selección de relatos curtos; Tarabelos I anda a voltas coas vacas; Tarabelos II escolleu teatro; Liches este? optou por Verde en el tejado, de Silvia Santiago; e LeA Casa, levou A culpa, de María Solar, para o verán e agora xa está con Ceniza en la boca, de Brenda Navarro.

mércores, 21 de xuño de 2023

Fin de curso: as recensións

O mércores 21 de xuño está marcado no calendario escolar en vermello: acaban as clases, e empeza o verán para o noso alumnado. Pero os pequechos de ABCD non quixeron marchar sen deixarnos as súas opinións sobre algúns dos libros lidos. Se non os coñecedes, podes collelos na Mario Pereira e gozar da lectura durante as vacacións.

Aquí os tedes, coas obras que leron eles ou algúns dos compañeiros dos outros clubs. Sylvia Cea, a súa coordinadora, desta vez aceptou saír na foto.



O misterio de Portomarín, por Pablo Pérez

"Esta novela foi escrita por Antía Yáñez e foi a escollida polo noso club de lectura para ler e comentar ao longo do primeiro trimestre.

É a historia de catro rapaces que teñen que pasar o verán na vila de seu tío, Portomarín, para axudalo co albergue do que é propietario. Nun principio pensaban que o verán ía ser tan monótono como os anteriores, pero unha serie de sucesos cos que descubriron o cadáver dunha muller convertiuno nun moito máis axetreado e divertido. Despois das súas pesquisas descubriron que a muller se atopaba nun hotel que se vira anegado polo encoro construído na zona. Ao final chegarán a unha descuberta que lles resultara inimaxinable ata ese momento.

Recomendaría este libro aos amantes do misterio, xa que os mantén intrigados ata o último momento"

O misterio de Portomarín, por Manuel Rodríguez

"Foi unha entretida historia sobre o misterio dun asasinato que me enganchou moito, e foi moi bonito. Ademais nesta historia mestúranse diferentes sucesos históricos." 


O que sei do silencio, por Ana Taboada

"Este libro gustoume moito polo punto de vista que dá a escritora sobre unha historia dun caso de acoso. Aprendín moitas cousas e fíxome reflexionar sobre este tema. Unha vez que empecei a lelo non puiden parar, e remateino o mesmo día no que o empecei.

Eu recomendo este libro porque coa lectura das súas páxinas aprendes moito e engánchate o tema da historia."


O que sei do silencio, por Alicia Quintela

"O que sei do silencio é un libro que me gustou moito porque conta unha historia pola que está pasando moita xente. Gústame que mostre a realidade, que non todo na vida son flores nun día soleado, que a vida é moi inxusta, pero que se nos mantemos unidos podemos vivila sen medo, sendo nós mesmos."


O que sei do silencio, por Leire Pérez

"Pareceume un libro moi intrigante e interesante. O que non me gustou moito foi que a amiga non dixera antes que a protagonista estaba sendo acosada. É un libro deses que queres seguir lendo para saber o que pasará, e este tipo de historias encántanme."


O que sei do silencio, por Noa Gil

"Pareceume un libro moi interesante e que engancha desde o principio. Ademais o final non o esperaba e encantoume a trama. 100% recomendable".


Cuando Hitler robó el conejo rosa, por Palmira Ferreiro

"A min pareceume un libro moi emocionante e interesante. Sempre me gustaron os libros que falan sobre a 2ª Guerra Mundial e saber como a xente lograba fuxir. Este libro flipoume moitísimo, xa que é a historia dunha nena á que lle acontecen este tipo de sucesos. Anna é moi afortunada."


Jesper, por David Vila

"Gustoume moito o libro pola súa realidade histórica. A estrutura estaba moi ben organizada, e o mellor da obra era a intriga que provocaba continuar lendo o libro. O único aspecto negativo que podo comentar é a súa brevidade e o seu final desgraciado".


Jesper, por Mateo Gutiérrez

"Gustoume moito, xa que presenta a historia de forma complexa e, aínda que é algo confusa ao principio, resólvese ao final. Ademais, pareceume interesante e divertinme moito léndoo, porque a trama é emocionante e xera suspense. Recomendaríallo a calquera persoa da miña idade á que lle guste a historia do século XX"